Dura aprendizaxe
A vitoria do PP e a derrota do PSOE e do BNG nas eleicións deste 1 de marzo foron tan curtas en termos de voto popular (47,1% contra 46,5%) como grandes en significación política e estratéxica. Nos resultados puderon influir circunstancias externas como a crise económica e o tratamento dado á mesma polo Governo do Estado español ou as posicións belixerantes de medios de comunicación galegos e estatais. Mais creo que a causa última estivo na ausencia dun proxecto nacional mobilizador ou, sí se quer, na carencia dunha idea orientadora da acción común.
O traballo do Governo galego nen sequer incorporou obxectivos ambiciosos praticábeis no campo de posibilidades do actual Estatuto de Autonomía e do Orzamento disponíbel, tais como un decidido apoio ás familias para a superación da crise demográfica; a reforma da organización territorial, nunca empreendida; a recuperación e preservación da singular natureza do país; o reforzamento da presenza internacional da industria e das demais actividades produtivas; a potenciación do sistema educativo e da sanidade pública; a definición inequívoca dun aeroporto central e internacional; a normalización do uso da língua galega como lingua nacional e intercontinental ou o desenvolvimento da consciencia de Galiza como un país capaz de estar presente por sí mesmo no exterior, varrendo a ideoloxía da dependencia necesaria a respeito de Madrid…). O Governo debeu fuxir como do lume de que o reparto de consellarías entre as dúas organizacións dese lugar a unha irresponsábel despreocupación polas decisións tomadas polo outro compoñente do Executivo ou derivase na manifestación de desacordos recíprocos en materias sensíbeis e de grande repercusión pública, como ocorreu inclusivamente na proximidade do período eleitoral. Poden estar aí claves suficientes para explicar a derrota.
Dito isto, e xa no campo do nacionalismo, non se pode ignorar que os cativos resultados do BNG nestas eleicións constituiron a consecuencia última de decisións internas tomadas a partir de 2001, cando malia descender lixeiramente en voto popular, conservara a condición de segunda forza política conquistada en 1997. En 2001 acabara un ciclo eleitoral e social expansivo baseado na oposición aos Governos conservadores que dominaran as instituicións autonómicas desde 1981, coa paréntese de 1987-1989. Estaba aos ollos de todos a fonda mudanza que se producira en Galiza, no Estado español, na Unión Europea e na situación internacional. A sociedade galega pasara de agraria e rural a industrial e urbana. Todo obrigaba a unha reflexión renovadora para o nacionalismo galego conservar as posicións logradas e medrar. Unha parte do BNG así o defendeu.
Porén, as decisións tomadas discorreron por outros vieiros. Descualificaron ao Grupo Parlamentar cando comezaba o seu traballo e desvirtuaron o carácter e a imaxe do BNG, desembocando nunha sistemática caida eleitoral e nun certo isolamento social. A baixada, especialmente forte nos comicios autonómicos de 2005, non foi superada por unha participación no Governo autónomo que, posibilitada pola subida do PSOE, quixo apresentarse como a demonstración de que o nacionalismo galego vivía o mellor momento da súa historia.
Depois da dura aprendizaxe destes anos, o BNG debería facer o que ignorou en 2001: recuperar un propósito político ambicioso, democrático e de esquerdas para a maioria da sociedade, lonxe de tentacións acomodaticias ou intransixentes, vendo a Galiza como unha nación no mundo. Abrirse á sociedade galega, a tantos nacionalistas, máis que nunca, que non están no Bloque, deixando de constituir un espazo choido. Nese camiño non se deben pretender vitorias internas mecánicas, que reproducirían as causas do fracaso. Non debería ser preciso lembrar que se o PP e o PSOE son os partidos do Estado, tendo asegurada a súa reprodución, o BNG pertence ainda a unha nación sen Estado, dependendo o seu futuro dos militantes e da sociedade galega.
Agora a reflexión necesaria ten que integrar a todos.
-O máis importante, probablemente, é que o chamado bipartito de progreso non chegou nunca a conectar correctamente coa cidadanía. Todas as queixas que oín da xente que deixou de votar son desta índole. É coma se o Goberno vivise de costas aos seus votantes.
-Prometeron cambio e non o fixeron.
-Non fixeron ningún cambio porque non se poden prometer cambios a tan curto prazo. Se tivesen unha boa política de comunicación terían que dicir durante catro anos 'imos iniciar isto, isto e isto, pero os procesos tardan'. Pero, para facer algo algún día, hai que inicialo, e iniciaron moi poucas cousas.
-Vostede, no seu blog, repróchalle ao Goberno de Touriño 'a frivolidade imperdoable de perder', cando podían gañar.
-É como cando tes un bo xogo de cartas. Podían gañar, a pesar dos seus problemas e dos seus erros, e se non gañaron foi porque o fixeron moi mal na recta final. Toda a formulación da campaña foi nefasto, mentres que o do PP foi efectivo. O PP, como a dereita en xeral, sabe desde fai séculos gañar e para gañarlles hai que facelo moi ben. Non me explico como non se puxo máis entusiasmo, ata desde fóra do Goberno, en facelo ben, porque se a campaña fíxose ben, gañase .
-O seu fallo foi facer unha campaña presidencialista e non responder as insidias do PP?
-Esas dúas cousas son moi importantes. Non desmentir os infundios -porque foron verdadeiros infundios do PP, a través do ABC, sobre todo, e de La Voz de Galicia-, non intervir nunha campaña negativa deixa ao que a fai o poder fáctico sobre o discurso do público. A única forma de combater unha campaña negativa é defendéndose das imputacións e contraatacando e, se é necesario, coa mesma negatividade. A campaña negativa está feita para envelenar e ti non podes saírte dese marco. E eles fixeron unha campaña limpa, tranquila? En Madrid, que é un observatorio fantástico, non saíu nada que eu poida dicir que son acusacións do Bloque e do Partido Socialista cara ao PP. E mira que fixeron cousas en Galicia; se empezamos a tirar de ficheiros fíxate a campaña sucia que se pode facer contra o Partido Popular. Non a fixeron e pagárona.
-Hai que responder coa mesma moeda e ser sucio?
-Claro, é un problema técnico. Se che pon o xogo nese terreo, ti non podes máis que entrar nesa guerra, se non estás perdido: a xente cre que Touriño se rodeou de caros mobles e se comprou o Audi máis caro e quedou coa foto de Quintana no iate do empresario Jacinto Rei. A xente cre estas cousas, é extraordinariamente inxenua e manipúlaselle moi facilmente, por iso hai que saír ao paso dos infundios.
Parte da entrevista a Fermín Bouza en La Opinión A Coruña
Como exemplo pon o caso de "La Voz de Galicia", que explica "a perda de votos na Coruña, xa que dos 39.000 votos perdidos, 30.000 están nesta provincia, e se non fose por isto os 13 escanos sacabamolos". Paco Rodríguez en GZ nación
Autocrítica, dimisión da dirección executiva e recuperación dun dos alicerces fundamentais do BNG: o asemblearismo. Encontro Irmandiño pide a dimisión da Executiva do BNG e unha Asemblea Nacional urxente
Sem comentários:
Enviar um comentário