O PPdeG realiza un balance positivo do "máxico" 2009. Galicia-HoxeO partido que está á fronte da Xunta de Galicia considera que o 2009 foi"un ano máxico" porque supuxo a volta ó Goberno galego da súa formación, nas eleccións celebradas o 1 de marzo, xusto tres anos e medio despois de que Manuel Fraga perdera o poder en San Caetano. Así, destaca que, "pese ás malas noticias como o número de parados e as noticias negativas que chegan desde Madrid, como a subida de impostos ou os agravios comparativos con outras comunidades", merece a pena facer "un balance positivo do ano que termina" no sentido de que lograron sacar do executivo autonómico ó bipartito formado por PSdeG e BNG. Os populares galegos resumen en dúas as boas noticias xeradas pola Xunta aos cidadáns galegos neste ano: a austeridade e a eficiencia no gasto público e a volta á normalidade lingüística coa fin das imposicións.
Feijóo aínda non é capaz de cumprir o contrato cos galegos. Xornal de Galicia
Xornal analiza os 14 puntos do compromiso asinado polo presidente coa cidadanía durante a precampaña electoral
1 EMPREGO
O QUE DI O CONTRATO
“Combater o paro como máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.
O QUE SE FIXO
O novo Goberno do PP chegou á Xunta no medio dunha das peores crises económicas que se lembra. O aumento do desemprego en Galicia, nos dous últimos meses, é xa superior á media estatal, ainda que a porcentaxe total continúa a situarse catro puntos por baixo do paro a nivel español (12,3% fronte ao 17,9%). “Recuperar a senda de creación de emprego” segue quedando lonxe e un informe de Funcas xa advirte que chegará ao 17,5% en 2010 na comunidade. Os sindicatos e a oposición piden políticas activas de emprego e lembran que, durante o bipartito, o desemprego non acadou os niveis críticos que si alcanzaba xa no conxunto do Estado.
2 ECONOMÍA
O QUE DI O CONTRATO
“Estratexia económica. Loitar contra a crise apostando polos nosos sectores produtivos cun plan estratéxico a desenvolver por un Goberno unido, coordinado e que saiba establecer prioridades”.
O QUE SE FIXO
Poucos poderán negar a “coordinación” e “unidade” do novo Goberno en materia económica. Máis difícil será o da “aposta polos nosos sectores produtivos”. Caramelo despediu, co beneplácito da Xunta, 234 traballadores na súa planta da Coruña, malia o informe desfavorable de Inspección de Traballo e a posición en contra do comité de empresa. O conselleiro de Economía, Javier Guerra, non dubidou en defender deslocalizacións como as aplicadas nesta fábrica textil e que el mesmo promove nas súas empresas. O sector leiteiro, en grave crise, pide solucións mentres ve como a planta de Pascual en Outeiro de Rei queda en mans de cinco cooperativas vinculadas ao PP, rexeitándose a oferta de Feiraco, que reunía 24 cooperativas e centos máis de explotacións. No eólico, o TSXG vén de anular a suspensión do concurso do bipartito feita polo PP. A nova Lei aprobada no Parlamento, fortemente criticada polo sector, volve embarullar un sector paralizado, que afronta un posible balbordo xudicial e que volve privar o sector produtivo galego dos beneficios do vento.
3 AUSTERIDADE
O QUE DI O CONTRATO
“Eliminar e reducir drasticamente os gastos superfluos en publicidade, altos cargos, asesores, automóbiles ou obras nas dependencias do goberno”.
O QUE SE FIXO
A austeridade foi un dos lemas da campaña de Feijóo e segue a ser o seu comodín no Goberno. Aforrou en asesores e prescindiu das obras nas dependencias da Xunta que tanto lle criticou ao bipartito. Non se sabe nada de cadeiras de luxo, pero 17 dos famosos audis continúan á espera dun comprador, logo das duras campañas contra o parque móbil do anterior Goberno, e os que si se venderon acadaron un prezo moito menor do agardado. A austeridade si afectou á selección galega, ao Culturgal e aos Premios Nacionais de Cultura pero a Consellería de Educación non tivo reparos en gastar 190.000 euros nunha campaña para explicar o novo modelo de axudas para os libros de texto. Microsoft e outras multinacionais non sufriron a crise, ao serlle adxudicados 5 millóns en software para organismos da Xunta.
4 MENOS IMPOSTOS
O QUE DI O CONTRATO
“Reducir a cantidade de impostos autonómicos aos que os cidadáns teñen que facer fronte cada ano e defender a redución de impostos estatais”.
O QUE SE FIXO
O programa do PPdeG prometía a redución do tramo autonómico do IRPF, unha medida que a Xunta de Galicia xa aclarou a Xornal que quedaría aprazada ata despois de 2011 ante a situación da crise económica actual. O presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, ao igual que o resto do Partido Popular, criticou a suba de impostos estatais acordada polo Executivo central, pero non logrou frear a medida.
5 SANIDADE
O QUE DI O CONTRATO
“Sanidade con garantías. Mellorar as condicións e a calidade na asistencia sanitaria e reducir as listas de espera, con garantías legais para os pacientes”.
O QUE SE FIXO
A privatización das infraestruturas, os recortes salariais e a rebaixa dos orzamentos centran as críticas á política sanitaria, unha das que está a sufrir máis ataques por parte da oposición e dos sindicatos. O intento da Xunta de eliminar as peonadas puxo en pé de guerra os traballadores sanitarios e provocou que o Goberno recuase un pouco. Agora, Feijóo asegura que unha operación máis pola mañá reduciría en 45.000 pacientes as listas de espera, pero a diminución destas listas continúa agardándose. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, é duramente censurada polo seu intento de privatización da sanidade pública e a licitación do contrato para construír e explotar o novo hospital do Sergas en Vigo é o último exemplo. A privatización da xestión do sanatorio do Centro Gallego en Bos Aires, que pasará a mans dun grupo privado castelá, foi levado incluso ao Parlamento arxentino, que rexeitou o fondo e as formas da Xunta.
6 DEPENDENCIA
O QUE DI O CONTRATO
“Dependencia efectiva. Dotar aos dependentes e asistentes de garantías para que reciban o servizo que por Lei lles corresponde nun prazo seguro”.
O QUE SE FIXO
Segundo os últimos datos do Observatorio Estatal para la Dependencia, Galicia obtén un cinco raspado na aplicación desta Lei da Dependencia, que tan duramente fora criticada polo PP durante a súa etapa na oposición. Os problemas continúan vixentes e os coidados específicos e a atención sanitaria están sendo substituídos por axudas ás familias. Vigalicia (Vida independente de Galicia) cre que o servizo galego de asistencia persoal queda “en evidencia” fronte a outros. “Dous anos despois da súa posta en marcha, derivou nun proxecto desvirtuado e mal enfocado, inservible para a sociedade”, din.
7 CONCILIACIÓN
O QUE DI O CONTRATO
“Opcións de conciliación. Responder por completo á demanda de pais e nais por unha praza de gardería e flexibilizar opcións para acadar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar”.
O QUE SE FIXO
A oposición acusa directamente ao Goberno de Feijóo de manter “pechados” centros de día e galescolas –agora denominadas escolas infantís– “ao non dotalas de material e persoal necesario para o seu funcionamento”. O intento por desfacer todo aquilo que soase a bipartito centrou os esforzos da Xunta no cambio de denominación das garderías, unha das apostas máis aceptadas pola sociedade durante a etapa do anterior Executivo. A rede de escolas infantís posta en marcha por socialistas e nacionalistas continúa adiante, pero “responder por completo á demanda de pais e nais por unha praza de gardería” é un obxectivo ambicioso que Feijóo non pode, nin moito menos, dar por acadado. A prevista unificación de todas as garderías públicas non chega aínda para alcanzar as recomendacións europeas.
8 MOCIDADE
O QUE DI O CONTRATO
“Mocidade en primeiro plano. Ampliar as oportunidades para que os mozos poidan vivir, estudar e traballar na súa terra, con políticas de vivenda efectivas, abrindo máis opcións de formación, e facilitando a súa entrada no mercado laboral”.
O QUE SE FIXO
A taxa de paro xuvenil en Galicia segue sendo das máis altas do Estado, as dificultades para atopar vivenda non diminúen e a emigración entre os máis novos continúa a estar á orde do día. A antiga Consellería de Vivenda quedou incluída na de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as axudas ao alugueiro quedaron diluídas. A austeridade afectou tamén ao sistema I+D galego, que verá reducidas as súas subvencións e as posibilidades investigadoras dos rapaces máis válidos.
9 EQUILIBRIO
O QUE DI O CONTRATO
“Equilibrio territorial. Garantir que todos os galegos teñan as mesmas oportunidades e servizos, vivan onde vivan, sexa no interior ou na costa, en cidades ou no rural”.
O QUE SE FIXO
Os sindicatos agrarios continúan denunciando a degradación do mundo rural, especialmente dun sector leiteiro que non levanta cabeza e que a crise está levando por diante. O interior continúa a despoboarse e os centros de día, fundamentais para o equilibrio territorial das zonas de interior, foron privatizados para aforrar “burocracia e gastos”.
10 MEDIOAMBIENTE
O QUE DI O CONTRATO
“Principios medioambientais. Ligar a política territorial ao medio ambiente e facer do respecto medioambiental un principio irrenunciable en todas as áreas de goberno”.
O QUE SE FIXO
A Xunta meteu man en Sogama, afogada pola polémica durante a última época do bipartito, pero a eficacia dos seus cambios aínda están por ver. A supresión da famosa lei dos 500 metros foi outra das medidas estrela fortemente criticada polos colectivos ecoloxistas, que reciminan tamén a escasa aposta na loita contra o cambio climático. Só a partir de 2013 se levarán a cabo medidas concretas contra o quecemento global e os Orzamentos reducen as partidas para este fin un 50%.
11 INNOVACIÓN
O QUE DI O CONTRATO
“Asumir a innovación como unha actitude de Goberno para permitir que Galicia se adiante a cada crise e poida gañar o seu propio futuro”.
O QUE SE FIXO
A Xunta desmantelou Mancomún e pretende recortar as subvencións aos centros de I+D, o que podería provocar, en palabras dos responsables, “unha nova emigración dos que máis valen”. Porén, a aposta por Microsoft continúa intacta.
12 ADMINISTRACIÓN
O QUE DI O CONTRATO
“Reforma da Administración. Reformar a Administración para gañar en capacidade de resposta e efectividade e facilitar o seu contacto cos cidadáns, eliminando burocracia evitable”.
O QUE SE FIXO
A medida estrela supuxo a creación da figura dos superdelegados, medida criticada pola oposición pero defendida desde a campaña polo Partido Popular. A Xunta reduciu asesores e levou a cabo os cambios que prometera nas consellerías, que agruparon varias áreas antes dispersas.
13 IDENTIDADE
O QUE DI O CONTRATO
“Identidade e liberdade. Recuperar os consensos arredor dos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma: o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos”.
O QUE SE FIXO
Máis de 50.000 persoas contra a política lingüística do PP demostra que o consenso na lingua non foi, nin será, posible. O anuncio dun decreto do ensino que pode deixar o galego nun terzo das materias provocará máis protestas no futuro. A selección galega, o Culturgal ou o Estatuto son outras vítimas do proceso desgaleguizador do Goberno de Feijóo, un dos procesos máis criticados pola oposición, que ve o paso do presidente pola Xunta como un chanzo máis na súa carreira cara a Madrid.
14 DEMOCRACIA
O QUE DI O CONTRATO
“Rexeneración democrática. Gobernar para todos, independentemente das súas preferencias políticas, eliminar prácticas clientelares e aplicar con capacidade de reacción a asunción de responsabilidades nos supostos que correspondan”.
O QUE SE FIXO
As viaxes pagadas pola Deputación de Ourense aos emigrantes, denunciadas por Xornal, demostran que as prácticas clientelares continúan a existir. A pretendida rexeneración democrática abrangue tamén un caso Gürtel do que Feijóo evita responsabilidades, pero que pinga a máis dun dos seus achegados. As mocións de censura, por outra banda, continúan agromando en Galicia, sobre todo en Pontevedra, desde a chegada do PP ao poder.
1 comentário:
A maxia tamén pode ser negra, como é o caso.
Enviar um comentário