24.9.08

Os nazis de Bolivia

pan e coitelo

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR

C oido que é en Kaputt onde Kurzio Malaparte ­reproduce este diálogo histórico: "-Que ten vostede nesa papeleira Caudillo, son ostras? Non, son os ollos que os meus ­soldados lles arrincan aos inimigos e que despois me ­regalan". Isto respóndeo no seu despacho ­Ante Palevic, o líder que instaurou o estado nazi independente de Croacia co apoio de Hitler.

Ao perderen a guerra, os Ustachas, que así se chamaban estes nazis católicos, fuxiron pola Rat Line, a ruta das ratas, que os levou para a América do Sur na compaña dos ­camaradas ­alemáns. Alí cambiaron de nome, igual que fixeron Klaus Barbie, Adolf Eichmann ou Mengele. Os croatas e ­moitos alemáns preferiron Bolivia e establecéronse sobre todo na rexión de Santa Cruz, onde con diñeiro fundaron ­negocios e lograron a hexemonía social, que procuraron fundamentar na ideoloxía ­nacional-socialista.

A actual xeración, tamén moi minoritaria e sen mesturas étnicas, herdou os métodos e os principios dos seus antecesores. Cales? O primeiro o racismo. "Viva a raza camba" puña unha das pancartas que estes días se vían pola televisión, mentres a Unión Juvenil Cruceñista e a Nación Camba rebentaban pola rúa aos ­indios collas, só por existiren. Era ­unha reprodución exacta do terror nazi dos anos trinta nas cidades alemás.

A suposta raza é no imaxinario deles unha indefiníbel mestura aria e croata con ­sangue puro español. É dicir un excremento teórico que serve para algo tan práctico como someter ós indios, que son os inferiores. E que no entanto son case toda a ­poboación.

Santa Cruz é agora ­unha rexión moi rica, da Media Lúa boliviana. (Por certo que a media lúa é un símbolo da ­resistencia croata no S. XVI fronte ao ­Imperio ­Otomán. Fronte aos turcos). Co ­diñeiro da extracción do gas o ­goberno central creou o bono escolar Juancito Pinto. Os alumnos reciben 20 euros ao ano, nun ­intento de frear a ­deserción; e os vellos trinta ao mes, para ­diminuír a ­indixencia da ­inmensa maioría. ¿Como van ­tolerar estes brancos que as ­rendas do petróleo as ­administre o goberno de Evo Morales, un ­indio ao que lle chaman mono, cando eles son a raza superior?

------------------------------

Sem comentários: