Hawking ve difícil evitar un desastre na Terra
Non me custa crelo
C oido que é en Kaputt onde Kurzio Malaparte reproduce este diálogo histórico: "-Que ten vostede nesa papeleira Caudillo, son ostras? Non, son os ollos que os meus soldados lles arrincan aos inimigos e que despois me regalan". Isto respóndeo no seu despacho Ante Palevic, o líder que instaurou o estado nazi independente de Croacia co apoio de Hitler.
Ao perderen a guerra, os Ustachas, que así se chamaban estes nazis católicos, fuxiron pola Rat Line, a ruta das ratas, que os levou para a América do Sur na compaña dos camaradas alemáns. Alí cambiaron de nome, igual que fixeron Klaus Barbie, Adolf Eichmann ou Mengele. Os croatas e moitos alemáns preferiron Bolivia e establecéronse sobre todo na rexión de Santa Cruz, onde con diñeiro fundaron negocios e lograron a hexemonía social, que procuraron fundamentar na ideoloxía nacional-socialista.
A actual xeración, tamén moi minoritaria e sen mesturas étnicas, herdou os métodos e os principios dos seus antecesores. Cales? O primeiro o racismo. "Viva a raza camba" puña unha das pancartas que estes días se vían pola televisión, mentres a Unión Juvenil Cruceñista e a Nación Camba rebentaban pola rúa aos indios collas, só por existiren. Era unha reprodución exacta do terror nazi dos anos trinta nas cidades alemás.
A suposta raza é no imaxinario deles unha indefiníbel mestura aria e croata con sangue puro español. É dicir un excremento teórico que serve para algo tan práctico como someter ós indios, que son os inferiores. E que no entanto son case toda a poboación.
Santa Cruz é agora unha rexión moi rica, da Media Lúa boliviana. (Por certo que a media lúa é un símbolo da resistencia croata no S. XVI fronte ao Imperio Otomán. Fronte aos turcos). Co diñeiro da extracción do gas o goberno central creou o bono escolar Juancito Pinto. Os alumnos reciben 20 euros ao ano, nun intento de frear a deserción; e os vellos trinta ao mes, para diminuír a indixencia da inmensa maioría. ¿Como van tolerar estes brancos que as rendas do petróleo as administre o goberno de Evo Morales, un indio ao que lle chaman mono, cando eles son a raza superior?
------------------------------